Thursday 25 de April de 2024

O PSOE de Ordes pedirá un informe ao Concello para aumentar a seguridade no paso de peóns ao inicio da travesía Alfonso Senra


Alejandro Manteiga lamenta que Fomento desestimara a petición dos socialistas galegos e espera que “non teñamos que agardar a que se produza algunha desgraza para actuar”

A Agrupación Socialista de Ordes vai a pedirlle ao Concello de Ordes que elabore un informe sobre a realidade do paseo de peóns situado na entrada da travesía de Alfonso Senra onde, a pesar de que a velocidade máxima legal é de 50 km/h, a realidade é que a gran maioría dos vehículos non a respectan e iso supón un risco para a seguridade dos peóns que o cruzan. Unha petición que os socialistas realizarán na próxima sesión plenaria, despois de que o Goberno do Estado rexeitara a demanda presentada polos socialistas galegos no Congreso dos Deputados.

O voceiro municipal socialista de Ordes, Alejandro Manteiga, explica que “non puxemos en dúbida que o paso de peóns cumprira coa normativa técnica vixente en materia de estradas, tal e como confirma o Goberno, pero a realidade nos demostra día a día que a gran maioría dos vehículos que entran a Ordes non o respectan e que nese paso de peóns non é nin a primeira nin a segunda vez que as persoas que o cruzan están a piques de seren atropeladas. Pensamos que o lóxico é que se tomen as medidas preventivas que sexan precisas para aumentar a seguridade viaria na zona e non ter que agardar a que se produza algunha desgraza para actuar”.

Na súa resposta escrita á iniciativa dos socialistas galegos, o Goberno responde que “dicho paso de peatones actualmente cumple lo establecido en la normativa técnica vigente en materia de carreteras, no existiendo, a la vista de los datos de accidentalidad oficial disponibles, ninguna especial problemática de seguridad vial en ese tramo”.

Porén, o Goberno remarca que “el eventual refuerzo de la regulación y ordenación de los pasos de peatones no es competencia exclusiva del Ministerio de Fomento y por ello no existiría inconveniente en tramitar una autorización para el citado grupo semafórico si fuese solicitado desde otra Administración con competencias en la regulación del tráfico y siempre que se estimase como una petición adecuada, necesaria y coherente en el contexto del tráfico rodado y peatonal de la N-550 en ese tramo”. “Por iso imos pedirlle ao Concello que encargue ou elabore un informe para poder actuar na zona para reducir a velocidade á que os vehículos entran na travesía de Alfonso Senra, ben a través dun semáforo, ben a través dunha redución da velocidade a 30 km/h ou calquera outra medida que evite que se produza algunha desgraza”, conclúe Alejandro Manteiga.